Sobre o novo disco

Quinta-feira, Outubro 16, 2008


Inicialmente a nosa idea era sacar o novo disco xa este outono pero finalmente imos retrasalo até comezos de 2009, febreiro ou marzo como moi tarde. Temos xa case gravados oito temas pero queremos meter algún máis e chegar a doce polo que precisamos un chisco máis de tempo. Tamén vai a haber bastantes colaboracións (Martin Wu de The Homens, Carlos Valcárcel de Projecto Mourente, Alex Charlón de Ataque Escampe, Banin de Los Planetas...) asi que defintivamente precisamos un par de meses máis para gravalos a todos.

O que si xa se vai fechando é a lista de autores que aportan poemas seus coma letra, algúns deles escritos especificamente para ser canción de Fanny e Alexander, o que nos honra enormemente. Polo de agora están Xiana Arias, Mario Regueira, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Igor Lugris, Tati Mancebo, Daniel Salgado -que repite-, Estibaliz Espinosa e Diego Ameixeiras, que non aporta poesía senon prosa. E a cousa non remata ahi, aínda haberá algunha incoporación máis que confirmaremos máis adiante se sae ben.

Andamos tamén barallando o nome do disco, polo de agora o título provisional é "Alfaias", de ahi a foto que ilustra este post. O conceito resume ben o que facemos -ou máis ben tentamos facer-, crear nova música a base de retallos de orixe diversa, mesturando cores, estampados, texturas e calidades. Compoñendo sentimonos un pouco xastres, un poucos alfaiates, cortando e pegando anacos que pouco teñen que ver entre si pero que combinan ben unha vez cosidos. De ahi o nome do disco, "Caixa de alfaias".

Por suposto non temos a menor intención de mudar o xeito en que vimos achegándonos ao ouvinte -novas plans, idénticas estratexias, que diría Nacho Vegas- e o disco sairá de novo baixo licenza copyleft para descargar de balde dende o netlabel www.aregueifa.net. Tamén faremos unha edición física en CD para os amantes do formato físico que aínda quedan e que publicará A Regueifa Discos e distribuirá en tendas Lonxa Cultural.

Tamén andamos argallando xa o primeiro videoclip coa idea de editar un single de adianto xa no mes de novembro. Desta volta igual estaba ben deixar a timidez a un lado e dar a cara, a ver que sae.

Aberto por reformas e Onda Curta

Quinta-feira, Outubro 09, 2008



Hai dous domingos estivemos na CRTVG por partida doble, ao mediodia no programa Aberto por reformas da Radio Galega -falando polo miúdo do último disco con Vituco Neira- e xa pola noite no programa Onda Curta da TVG con unha das pezas de NEMO, curtametraxe na que participamos coma coautores da banda sonora. Se tedes curiosidade podedes ver o programa premendo aqui ou no video de youtube de enriba ou escoitar aquel Aberto por reformas premendo acolá.

Fanny+Alexander vs. Los Planetas

Terça-feira, Outubro 07, 2008



Hai uns meses decidimos pasarnos ao analóxico e vender o noso querido Korg Ms2000 para mercar un vetusto Korg Ms20 de 1976, na foto, sintetizador clásico onde os haxa. A casualidade quixo que o vendedor resultase ser nada menos que Banin, teclista de Los Planetas, e o MS20 en cuestión, un dos que usaron os granadinos en todos os discos a partir de Una semana en el motor de un autobus. Pura historia do indie estatal en estado sólido.

Pero a ledicia de que tal xoia pasase a formar parte do noso arsenal sonoro non rematou ahi xa que a relación comercial derivou nunha relación musical, colaborando Banin co seu Hammond nun dos nosos novos temas, Tardes de Domingo. Unha canción, por certo, cuxa letra é un capítulo da novela Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras. Non nos chega con musicar poesía que agora no dá tamén por musicar prosa, que lle imos facer.