Entrevista en Galicia Hoxe

Quarta-feira, Maio 06, 2009

Hoxe saiu en Galicia Hoxe unha reportaxe de Montse Dopico sobre o novo disco:

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=423740&idEdicion=1240

Fanny e Alexander pertencen á xeración de músicos que procuran a maior relación posible co seu público, e recoñecen ter moitas influencias  FOTO: Fannyalexander.net


Alfaias do pop galego
Fanny + Alexander editan un disco ao que, fieis á busca do intercambio entre música e poesía, dotan dun ton saudoso sen renunciar á experimentación

M. DOPICO . SANTIAGO

As mans. Mira as súas mans./Es quen de coñecer a historia de cada unha desas mulleres/ pola terra acumulada nas súas engurras,/ polas pequenas veas hinchadas que lles corren polo pulso,/ polas unllas que creban antes de medrar/," Son os versos cos que comeza Píntamas de escuro, un dos once temas do novo disco de Fanny + Alexander, Alfaias, que, editado, como os anteriores, baixo licenza Creative Commons, pódese escoitar xa a través da Regueifa. Esta semana está previsto que comece a chegar ás tendas, ademais, o formato físico, en CD, deste traballo, no que colaboraron Carlos Valcárcel, de Projecto Mourente, Martin Wu de The Homens, Alex Charlón de Ataque Escampe e Esteban Fraile, Banin, de Los Planetas. "Queriamos chamarlle o alfaiate, porque é como somos nós: facemos prendas novas con remendos de moitos... Para simplificar, puxémoslle Alfaias...", explica, nunha entrevista, Noel Feáns, voz principal deste grupo, cuxa outra metade é Efi Arias.

Píntamas de escuro é o resultado dunha adaptación dun poema de Lara Dopazo. Do mesmo xeito, as letras dos outros dez temas xurdiron de textos de creadores e creadoras da actual escena literariado do país: Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixerias, Xiana Arias, Igor Lugrís, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán. Fanny + Alexander amplían, así, o vieiro iniciado xa no seu primeiro disco -Lusco e Fusco, 2006- de procurar un espazo de intercambio entre a música e a poesía,seguindo o camiño andado xa nos anos 70 por Voces Ceibes, os Tamara, Amancio Prada... pero coa "vocación de levar ao pop galego aos sons do século XXI", como eles mesmos din. "O primeiro disco era moi experimental, tiña cousas máis difíciles de dixerir", cre Feáns.

Desde aquela, o grupo non deixou tratar de "romper preconceptos", probando cos distintos matices do pop... "Xa desde o anterior disco" - Finais dos 70"s, comezos dos 80"s (2007)-, "foise formando unha "base social". É xente que segue a música galega en xeral, e sobre todo as últimas voces, grupos coma nós, da pequena escena indie galega, que facemos música que lle pode gustar a calquera. Nós facemos un pop tranquilo, -unhas veces máis e outras menos-. Neste disco hai un ton saudoso, tristón... E non deixamos de experimentar: hai guitarras, gaitas, electrónica, unha zanfona, orquestación clásica... Son moitos estilos diferentes, pero non é misturar a ver que sae: todo está pensado e maquinado, segundo un concepto... A idea é ir enchendo ocos, estilos aínda non cubertos na música galega...", comentou Feáns.

Temas sociais, non panfletarios
O nexo entre as cancións de Alfaias, -que abordan temas moi diferentes, desde a lingua ata a soidade cotiá dun domingo- é "subxectivo", segundo Feáns. "Son persoas coas que te une a amizade, espazos comúns... Con Valcárcel, Wu e Charlón temos en común ese espazo do pop en galego. É como un movemento que queriamos visibilizar", engadiu. Alfaias inclúe temas máis e menos bailables, sen renunciar á contundencia. "Sempre é un reto encaixar a letra coa música. Os poetas déixannos carta branca... A idea é facer temas reivindicativos, sociais, pero non evidentes, panfletarios... Buscamos un ton moderno, por iso optamos por poetas da nosa xeración...", conta. Unha música "libre", "por amor á arte", non atada polo comercial e feita con apoio nas novas tecnoloxías. "Hai un florecemento da música en galego, en todos os estilos, que non ten parada. Aínda que diminúa o apoio público do que tanto se falou. Agora temos internet...", pensa.

0 comentarios

Enviar um comentário