Reportaxe en Praza das Letras

Quarta-feira, Maio 06, 2009

E tamén saiu unha reportaxe de Ana Salgado en Praza das Letras, prestando especial atención ao lado máis literario do novo disco:

http://www.prazadasletras.org/actualidade/novas/nova/661/versos-e-doas

Terceiro disco
Versos e doas



O grupo compostelán Fanny + Alexander volta cun disco, “Alfaias”, que xunta nas letras unha ducia de escritores novos para compor outro mapa das últimas xeracións poéticas.

Acaban Fanny + Alexander de editar o seu terceiro traballo. Son once os temas que compoñen Alfaias, unha antoloxía posíbel que ten, neste caso, meirande cohesión ca o seu anterior Finais dos 70, comezos dos 80, que acollera textos desde Carvalho Calero a Elvira Riveiro. Partiron desta volta do labor de autores achegados xeracionalmente aos dous músicos que compoñen o dúo: Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán.

Unha escolma “relativamente representativa” das últimas xeracións poéticas, segundo Mario Regueira, autor do texto que abre este disco, “Setecentos”. Noel Feáns fala de “subxectividade” na escolla e tamén deste intento de cohesión, ao tratarse de “escritores nacidos nos 70 e 80” e engade tamén a procura dun “ton moderno na temática” así como a vontade de “afastarse do rexistro panfletario, de incluír letras comprometidas e políticas que non sexan evidentes”. Anota tamén o contorno como un elemento definitivo por seren os autores “xente que ten conexión entre eles” ao tempo que escritores e escritoras que el e a súa compañeira no grupo, Efi Arias, foron coñecendo ao longo do tempo. Di así que houbo, ademais dunha cohesión xeracional, “algo case biográfico”.

É esta proximidade a que contribúe ao feito de que “algunhas letras, en concreto as de Xiana Arias, Mario Regueira e Estíbaliz Espinosa, fosen creadas como cancións”. Regueira alude a un traballo “parcialmente distinto” do seu labor poético, “na procura dun determinado ritmo, dunha medida dos versos e dun retrouso”. Aínda que, segundo conta, foi acompañando o proceso a medida que o disco collía forma, “por colocar un punto de crítica” di ter botado de menos "a posibilidade de revisar o texto logo da primeira versión da canción”.

“Alguén como Pilar Pallares pode dicir que a canción está ben pero é probábel que a música lle resulte máis estraña”, comenta Feáns a propósito da proximidade estética e musical entre os compoñentes do grupo e os autores dos textos dos que partiron. No relativo ao traballo de adaptación, o encargado da guitarra eléctrica de Fanny + Alexander cóntanos que “aos autores failles tanta ilusión que nos dan carta branca” e que “o habitual é que os textos de partida precisen bastante traballo de axustes métricos e rítmicos” aínda que domine a idea de “ manter sempre o espírito dos poemas”. Coloca así como exemplo o “Artefacto Burbur” de Igor Lugrís, no que tiveron que “coller os versos e reordenalos”.

Verbo do único texto narrativo incluído no disco, ese “Tardes de domingo” trazado a partir da novela de Diego Ameixeiras que en 2006 recibira o Premio Xerais, Tres segundos de memoria, trataron, dinos Feáns, de “experimentar cun capítulo que nos gustaba moito” coa vontade de incluír tamén “ese rexistro do perdedor co que calquera pode sentirse identificado”. Cóntanos que descubriron así a vertente poética dun narrador en que isto non se fai evidente fronte a, por exemplo, “o poema de Alberte Momán, que é máis narrativo”.

Cando preguntamos pola novidade, polo que máis salientarían dun traballo musical que se leva facendo aquí desde Voces Ceibes, ou pola conexión indisolúbel entre poesía e oralidade desde a súa orixe, menciona Regueira “o ilusionante dun proxecto que non queda no folc e que bota man da poesía contemporánea nunha tradición que está na música popular”. E recorre á idea, que fai partir da denominada xeración dos 90 de “entender a poesía como algo menos solemne e elevado”. Entre tanto dános Noel Feáns unhas das claves máis suxestivas e pertinentes para entender a traxectoria do grupo ao apuntar a unha memoria poética a través das xeracións. Fala “dunha certa continuidade temática” que cifra, por caso, no carácter feminista de “Píntamas de escuro” a partir dun poema de Lara Dopazo e na súa ligazón, “neste caso desde unha ollada máis emotiva” con “María Silenzo” sobre un texto de Carvalho Calero e “Danzarei pra ti”, adaptación dun poema de Elvira Riveiro, ambas as dúas incluídas no seu disco anterior. Compón así un mapa de conexións textuais por veces paradoxalmente ocultado baixo o máis evidente dun determinado estilo musical.

0 comentarios

Enviar um comentário