Para ser un bon cantante tes que desafinar
Quinta-feira, Fevereiro 26, 2009

Nós, que coxeamos sen vergoña da mesma pata, defendemos a morte o de facer das limitacións virtude e non podemos sentir máis que simpatía pola boa de Irantzu. E agradecemento. Porque, se imaxinamos xoias coma Tormenta en la mañana de la vida cantadas pola típica cantante cun chorro de voz, o encanto saudoso e amateur de La Buena Vida de seguro que cruzaría a liña invisíbel que de sempre os separou de cousas coma Amaral ou La Oreja de Van Gogh.
Por certo que no novo disco vai n ir temas nos que non vai a haber nen rastro de electrónica -aparente- e en concreto hai un, Na febre dos incendios, que ten moito que ver na produción cos La Buena Vida máis orquestrados, os de Panorama e Soidemersol, con cordas e demais parafernalias. Esta é a letra, un poema escrito a propósito para nós -mil grazas- por Xiana Arias:
NA FEBRE DOS INCENDIOS
Os días sempre rematan. O novo outono non vén só.
Non hai horas de sono Na febre que deseñan os incendios.
Estamos nas vértebras E en cómo estas se cosen.
Din que non hai bestas na noite que deseñan os incendios.
Do río que todo arrastra Din que é violento
E ninguén di violentas As marxes que o comprimen.
Non foi fácil ir ás festas,
Á volta pasabamos días
e noites enteiras atadas
ás patas da cama, (soñando lume)
Precisamos do veleno Para sermos escorpións.
Aparecemos sobre o fondo das batallas deseñadas polo incendio.
Estás nas vértebras Na memoria de mans e ósos
Que facer cos nosos días Deseñados na febre dos incendios?
Do río que todo arrastra Din que é violento
E ninguén di violentas As marxes que o comprimen.
Esta noite elas cantan para min
Sexta-feira, Fevereiro 13, 2009

Como vedes as adxudicacións non son casuais. E si, os camiños do Pop son inescrutables pero nós teimamos en percorrelos absolutamente todos como parvos, dende os do máis acústico ao máis electrónico, dende o máis canónico ao máis arriscado. Cousas da melomanía, que lle imos facer. Aqui tedes a letra que tan feliz parece facer a Martin Wu na foto:
TODA ESA ENERXIA ESCURA
Ao outro lado desta fráxil frase sei que respirarás ti.
Criatura de materia escura pensada coa miña materia gris
Saes a camiñar baixo as lentes da galaxia. Como unha princesa
de sombras chinescas nunha peli de Lotte Reiniger.
E estás aí. O universo encollerá para deixarte paso
e pensaba dicir algo querería dicir algo
pero o teu negrísimo perfil arribou antes ca min
ao final desta longa especie de verso.
Ao outro lado da palabra fin explota o teu principio.
Camiñas como unha princesa e se xiro o teu universo
neva. E neva. E neva. E neva.
Es a posibilidade de escoitarme.
Es a posibilidade que poboas.
Es a posibilidade de non saberme.
Es a silhouette dun teatro de sombras.
Estás a un paso de sentirme
concentras toda
esa enerxía escura.
Criatura futura.
Secreta forma humana.
Home Studio
Segunda-feira, Fevereiro 02, 2009
@s que coma nós sexades moi geeks dos maquinillos podedes botar un ollo á imaxe en Flickr, onde se pode ver a alta resolución e nos tags hai un listado de case todo o equipamento.





