Capa (Release Candidate 1)

Quarta-feira, Março 25, 2009


Andamos cos últimos detalles do disco antes de mandalo a fábrica e, como era de esperar, a escolla do deseño gráfico está a ser un mar de dúbidas. Nestas cousas adoita ser mellor delegar en terceiros e darlles carta branca pero, coma sempre, teimamos en facer todo nós por aquelo da coherencia do Do It Yourself. Despois de desbotar moitas ideas esta que vedes é a que ten todas as papeletas de ser a capa do disco. A foto -xenial- foi sacada en 1972 no Campus de Rhodes en Menphis e o seu autor compártea actualmente baixo licenza Creative Commons asi que perfecto. Parece ser que o disco que estaba a escoitar o rapaz era o primeiro album de Yes, editado un par de anos antes.

Por certo que se todo sae segundo o previsto a finais de abril estará xa disponible o disco, tanto na súa edición física coma en mp3.

Moi ben situados no mapa do indie estatal

Terça-feira, Março 10, 2009


Onte apareceu no xornal PUBLICO unha moi interesante reportaxe de Jesus Marcos sobre a evolución da escena indie estatal e cal foi a nosa sopresa ao vernos na sección de pop electrónico da gráfica que a ilustraba. Máis alá do orgullo de sair en medios estatais tendo en conta que non cantamos en castelán ou ingles, apenas damos concertos e vivimos á marxe da industria regalando a nosa música, o certo é que o gráfico dá para moito.

Por exemplo, que esteamos na hipotenusa dun triángulo imaxinario entre Fermin Muguruza, Fran Nixon (La Costa Brava, Australian Bonde...) e Nacho Vegas non pode ser coincidencia e resulta ben descriptivo do noso acervo musical. E, por suposto, que se cambiamos a Nacho Vegas por Family nunha das esquinas do triángulo non deixa de ter tamén moito sentido para nós. Resulta tamén curioso, por certeiro, o lonxe que estamos dos outros representantes galegos, tanto dos veteranos -Deluxe e Ivan Ferreiro- coma das promesas -Triángulo de Amor Bizarro-. Con TAB temos máis afinidade pero con respeito aos outros dous, coma ben demostra o gráfico, sentímonos bastante máis cómodos á veira da xenialidade anticomercial de Joe Crepúsculo e Manos de Topo que co mainstream patrocinado.