Reportaxe en El Pais
Sexta-feira, Junho 19, 2009

Celebrados membros da promoción pop de mediados de década enfróntanse ao reto do segundo elepé
Di o tópico que o segundo disco é o máis complicado dunha banda de pop. No primeiro contan cun prazo de gravación que abranxe a vida enteira, argumenta o lugar común, pero para a continuación, apenas un ano. A esta proba enfróntanse arestora algúns dos máis celebrados membros da heteroxénea promoción indie agromada a mediados de década."Rexeito a teoría do segundo disco", apón Noel Feáns, o Alexander de Fanny+Alexander e impulsor da plataforma A Regueifa: "Hai moitos grupos que van de menos a máis e no segundo, se cadra, rebentas, porque tes máis medios". E exemplifica co folk pop dos suecos Herman Düne. Feáns, canda Efi Arias, vén de poñer en circulación Alfaias, unha decena de achegas do seu "pop poliédrico". "Hai quen, en Alfaias, apreza unha síntese entre os primeiros epés e o elepé debut [Finais dos 70, comezos dos 80]", explica, "eu vexo unha evolución".
Para o seu segundo longa duración, Fanny+Alexander recuncan en botar man de textos de escritores. Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro, Mario Regueira, Diego Ameixeiras ou Igor Lugrís arrandean nun, autodefínese Feáns, "pop de exploración". "Caracterizámonos por un afán de non ter estilo propio; neste disco as homenaxes resultan infinitas", argúe, "e iso leva canda si un risco: ninguén sabe onde encaixarte". Até o extremo de que, na tenda dixital iTunes, Fanny+Alexander aparecen na categoría de World music.
Os matices electrónicos campan nunhas cancións que devalan cara ao acústico. "No outono presentarémolo case unplugged", avanza. Será uns meses antes de que penduren na Rede un pacote de versións -Joy Division, entre outros- e autoversións. "Volverémoslle a vida acústica a cancións de xorne máis electrónico" (...)
Podedes ler a reportaxe completa -con Alex De Ataque Escampe, Oscar de Noise Project e o xa mítico Sr. Anido falando de cadanseus novos discos- aqui.
Critica de Alfaias hoxe en La Voz
Quinta-feira, Junho 04, 2009

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/06/04/0003_7761749.htm
Un fito na historia do pop galego
Fanny e Alexander confírmanse como os referentes da nova xeración de músicos do país cun terceiro disco no que se apoian en letras de diversos poetas
Angel Varela. REDACCIONComo o novo disco de Fanny e Alexander é tan bo, imos comezar polo único que ten de malo. A gravación é mellorable. Sobre todo o que atinxe ao tratamento das voces -fundamentais no plantexamento sonoro do dúo-, e, en xeral, na mestura final. Son os pequenos inconvenientes dos traballos «made in feito na casa» tan de moda agora, pero que non substitúen as vantaxes dun bo estudio e dun bo técnico.
Pero cando o oínte salva ese pequeno defecto, as virtudes son tantas que converten o disco nun dos mellores da historia da música galega. Para comezar, está o talento que Noel Feáns e Efi Arias teñen para compoñer algunhas das mellores melodías que se escoitaron a este lado de Pedrafita. Outro dos seus toques mestres aparece na súa decisión de aproveitar o gran caudal poético que produce Galicia. Neste álbum pódense escoitar poemas de escritores como Xiana Arias, Emma Couceiro, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño ou Diego Ameixeiras, entre outros. Como se fosen uns Fuxan os Ventos do século XXI, Fanny e Alexander elixen acertadamente o material a musicar, e, despois, conseguen enlazar con mestría as verbas deses literatos con melodías que mostran a dose xusta de épica, melancolía e ritmo.
Non esaxeramos se dicimos que este disco resistiría un duelo estético con traballos da realeza pop do país como Golpes Bajos. A facilidade técnica que actualmente permite que se editen discos a centos é un dos inimigos de traballos como o de Fanny e Alexander. É moi difícil distinguir a palla do gran. Hai vinte anos, Arias e Feáns xa terían un contrato cunha discográfica, que lles permitiría facturar álbumes perfectos tecnicamente falando, e os seus traballos terían unha promoción adecuada. Mentres eses tempos non volven, os melómanos deben afinar o seu olfacto para descubrir discos que, coma este, importan.




